Wednesday 01 de May de 2024

O aeroporto da Coruña recibe o primeiro voo procedente da nova ruta con Londres


Esta mañá aterraban en Alvedro os pasaxeiros da primeira escala de Vueling desde a capital do Reino Unido

Esta maña aterraba en Alvedro o primeiro voo procedente do aeroporto de Londres-Gatwick. Coa chegada deste avión da compañía Vueling, A Coruña recupera a conexión coa capital británica e continúa sumando destinos internacionais, seguindo as políticas do Goberno municipal de Inés Rey de potenciar o valor turístico da cidade a través das súas infraestruturas clave, ademais de ofrecer á cidadanía variedade de opcións para viaxar desde o aeroporto.

O concelleiro de Turismo, Juan Ignacio Borrego, e o xerente do Consorcio de Turismo, Moisés Jorge Naranjo, foron os encargados de recibir os pasaxeiros, pasaxeiras e tripulación deste voo de Vueling. A compañía cubrirá esta nova ruta catro días da semana: luns, mércores, venres e domingo. Os billetes xa están dispoñibles nas súas canles oficiais.

A oferta do aeroporto da Coruña medra con esta conexión con Londres, que se suma á xa operativa con París-Orly. O Goberno municipal de Inés Rey aposta pola potenciación do aeroporto local buscando sumar rutas internacionais que fomenten o turismo na Coruña e ofrezan alternativas para viaxar desde a cidade.

“Seguimos sumando destinos internacionais tras a recuperación do voo con París”, sinalou a alcaldesa, que apuntou tamén que o número de frecuencias con Londres podería aumentar en función da demanda. Tamén destacou a existencia de conexións directas con outros destinos a través desta ruta.

O aeroporto de Alvedro dispón na actualidade de conexións directas desde Madrid con Air Europa e Iberia; Barcelona, Sevilla, Valencia, París e Londres con Vueling; Bilbao, Málaga e Valencia con Volotea ou Gran Canaria coa compañía Binter